Edit Content

Benvido/a a
Cabo Ortegal

un xeito de vida

Mural Valdoviño

schedule 30 minutos
Web del artista Instagram Facebook
×

Descripción

Este é un punto do territorio cunha costa prodixiosa: os seus cantís, a inmensidade da praia, o sistema dunar, o esteiro e a súa espectacular lagoa dan forma a unha parte importante deste litoral. Ademais da súa beleza paisaxística, estes elementos naturais teñen unha gran relevancia para o mantemento da biodiversidade. Aquí viven gran variedade de flora e fauna en especial, as aves, que visitan cada ano esta zona durante os seus períodos migratorios. É por iso que esta costa se atopa protexida pola ZEC – Costa Ártabra (Zona de Especial Conservación). A praia de A Frouxeira constitúe unha Zona de Especial Protección para as Aves, a ZEPA Costa de Ferrolterra – Valdoviño. Do mesmo xeito, o areal e a lagoa están recoñecidos dentro do Convenio Ramsar, ao tratarse dun humidal de importancia internacional como hábitat de aves acuáticas.
A mestura entre a paisaxe de costa e a de interior prodúcese na falla de Valdoviño que xorde na enseada de Prados e atravesa boa parte do territorio galego. Esta falla está considerada como un Lugar de Interese Xeolóxico (LIX) dado o extraordinario afloramento e deformación de rochas que se poden observar na superficie. A falla divide Galicia en dúas partes perfectamente diferenciadas polos seus materiais predominantes: na parte superior prevalecen as lousas, mentres que na parte inferior abundan os granitos.
A través da pintura mural o artista, Doctor Toy, plasmou a riqueza deste territorio na parede lateral da casa consistorial de Valdoviño. As súas cores cálidas achégannos ata un amencer neste enclave, que poderemos observar a ollo de pato. Acompañando o voo desta parella de ánades [Anas platyrhynchos] que preside o mural, poderás observar as marabillas desta zona a través dos seus ollos. A forza do mar que bate no litoral, a escabrosidade dos seus cantís, a riqueza dos areais, a súa diversidade xeolóxica e a adaptación dos seres vivos neste sorprendente territorio, transmítense en cada pincelada desta intervención artística, que causou a admiración dos veciños e veciñas da zona.
sell

Tags

Cultural Natureza Patrimonio