Limita ao norte e nordeste co océano Atlántico, por toda a ampla zona que forma a ría de Ortigueira; ao noroeste co municipio de Cariño, ao leste co municipio de Mañón, ao sur cos de Somozas e Pontes de García Rodríguez e ao oeste con Cerdido e Cedeira.
No seu extenso territorio pódense atopar paisaxes montañosas, como a serra da Capelada, con montañas como a de Coucepenido, de 572 m s. n. m.; ou as serras da Faladoira e Coriscada, con altitudes superiores aos 600 m s. n. m. En canto a paisaxes de interese xeolóxico, cómpre citar as praias de Espasante, a praia do Picón e os cantís de Loiba, así como a costa Xuncos,[5] onde afloran rochas de orixe volcánica.
Ría de Ortigueira
A ría de Ortigueira é o accidente xeográfico máis destacado do municipio. Está encadrada nas denominadas Rías Altas, ocupando o amplo esteiro creado polos ríos Maior,[6] Baleo e Mera. Este último, moito máis caudaloso e de maior lonxitude, serve na súa parte alta de fronteira natural co municipio de Cerdido.