Edit Content

Benvido/a a
Cabo Ortegal

un xeito de vida

Museo Mares de Cedeira

schedule 2 horas
Más información aquí
×

Descripción

No ADN de Cedeira e, de cada un dos seus habitantes, está o mar. Foi o mar o que deu a esta vila unha identidade propia, o que marcou a súa historia e o que marca o seu día a día.
O Museo Mares de Cedeira nace para poñer en valor o patrimonio material e inmaterial mariñeiro. Un lugar para conservar a historia dun pobo ligado ao mar nun momento en que as tradicións se van perdendo e os tempos van cambiando costume, crenzas, obxectos, aparellos e embarcacións. Un museo para ensinarlles aos mozos como traballaban os seus antepasados e para que non esquezan de onde veñen. Un museo para ensinarlles aos nosos visitantes a nosa historia, a nosa maneira de entender a vida. Un museo para homenaxear aos homes e mulleres de Cedeira, os que con case nada foron capaces de facelo todo.
Embarcacións, aparellos, motores, rapetas para capturar percebe, “raños” para coller berberechos, fotos, fósiles de antigos cetáceos, cunchas, obxectos que devolve o mar... Pezas coas que intentar reconstruír a memoria dun pobo.
O Museo Mares de Cedeira é un proxecto colectivo ao que a Asociación Mares de Cedeira lle deu pulo. Comezou cun grupo de persoas que reuniu as súas coleccións particulares de instrumentos de navegación, de aparellos de pesca e de diferentes obxectos relacionados co mar. Coleccións ás que se foron sumando pezas de todo o pobo que cedeu e doou obxectos persoais, herdanzas familiares, recordos... para encher de vida este espazo no que reivindicar a nosa historia mariñeira e as nosas tradicións.
A Asociación Mares de Cedeira contou coa colaboración do Concello de Cedeira e da Confraría de Pescadores de Cedeira para embarcarse neste proxecto. Todos remarón xuntos para poñer en marcha o museo que en xullo do ano 2016 abriu por primeira vez as súas portas. Benvid@s ao museo Mares de Cedeira, A Memoria dun Pobo.
sell

Tags

Cultural Experiencias Imprescindibles Natureza