Itinerarios guiados

Unha viaxe ao interior da Terra

Mestura de turismo activo, xeoloxía, patrimonio natural e cultural: así son as XeoRutas do Xeoparque Ortegal. A través de históricos carreiros forxados polas pegadas das xentes locais, así como dos animais que viven salvaxes e en liberdade, gozarás de auténticos balcóns e miradoiros á inmensidade do Océano Atlántico e ás montañas da Serra da Capelada.

As XeoRutas son itinerarios guiados para descubrir as singularidades xeolóxicas do Xeoparque, con programacións recurrentes, polo momento, en tempada estival e Semana Santa.

Descubre as formacións rochosas e materiais xeolóxicos que se atopan en este territorio, así como os distintos procesos xeolóxicos que tiveron lugar ó longo de millóns de anos e deron lugar ás características propias e de importancia a nivel xeolóxico do Xeoparque recoñecido pola UNESCO.

Permanece atenta/o para estar o día da programación e próximas saídas.

Saídas de verán en 2025

O Xeoparque Mundial UNESCO Cabo Ortegal convida un ano máis á cidadanía a descubrir os segredos xeolóxicos do territorio a través das súas Xeorrutas de verán, que se desenvolverán entre os meses de xullo e agosto nos sete concellos que conforman o Xeoparque.

As rutas estarán guiadas por Francisco Canosa, doutor en Xeoloxía e divulgador, e permitirán ás persoas participantes achegarse de maneira amena e accesible a espazos de enorme valor natural e xeolóxico, como cantís, praias, minas, formacións volcánicas ou cabos costeiros.

Calendario de Xeorrutas

Xullo
▪️ 9 – XeoRuta do arsénico (Meirás, Valdoviño) – 10:00 a 13:30
▪️ 13 – XeoRuta das praias negras (Teixidelo, Cedeira) – 9:30 a 15:00
▪️ 18 – XeoRuta da lousa (Naraío, San Sadurniño) – 10:00 a 13:00
▪️ 25 – XeoRuta dos volcáns (Loiba, Ortigueira) – 10:00 a 14:00
▪️ 27 – XeoRuta do Limo (Cariño) – 10:00 a 14:00

Agosto
▪️ 3 – XeoRuta da Mina Piquito (Santa Cruz, Moeche) – 10:00 a 11:50 / 12:00 a 13:50
▪️ 8 – XeoRuta dos Aguillóns (Cariño) – 10:00 a 14:00
▪️ 15 – XeoRuta do granate (Cortes, Cedeira) – 9:30 a 15:00
▪️ 23 – XeoRuta das lavas (Espasante, Ortigueira) – 10:00 a 14:00
▪️ 26 – XeoRuta dos cabos (Pantín, Valdoviño) – 10:00 a 14:00
▪️ 30 – XeoRuta do cobre (Cerdido-Moeche) – 10:00 a 13:00

 

Inscricións e condicións

As prazas dispoñibles son limitadas (máximo de 20 ou 10 persoas segundo a dificultade da ruta) e a inscrición realizarase a través do seguinte formulario: https://bit.ly/4laXg05

O custo é de 10 € para persoas adultas e 6 € para menores de 15 anos. O pagamento farase mediante transferencia bancaria unha vez realizada a reserva online.

A cancelación da praza poderá solicitarse gratuitamente ata 4 días antes da saída.

Estas actividades forman parte do labor de divulgación do Xeoparque e ofrecen unha oportunidade única para vivir o territorio con outros ollos, combinando coñecemento, natureza e identidade local.


 

 

 

 

¡No se han encontrado entradas!